Thursday 04 de July de 2024

O Concello convoca un intercambio literario para escritores coruñeses na cidade austríaca de Graz


As persoas interesadas terán ata o 28 de xuño para achegar os seus traballos

A Residencia Literaria 1863 e a Internationales Haus der AutorInnen, coa colaboración do Concello da Coruña e o Concello de Graz (Austria) e a rexión de Estiria, convoca o Intercambio Literario A Coruña – Graz en residencia. Dita iniciativa apoiará unha residencia de creación literaria para autores e autoras coruñesas en lingua galega na cidade austríaca e para autores e autoras austríacas en Galicia.

A duración da residencia será dun mes e desenvolverase en agosto. O Intercambio Literario A Coruña – Graz en residencia ten como finalidade o estímulo e promoción da creación literaria dos e das autoras da cidade da Coruña nunhas condicións de excelencia, así como a súa proxección internacional.
Se a persoa becada na principal cidade de Estiria gozará do contacto co cosmopolita ambiente cultural de Graz –contando cun apartamento en pleno centro da cidade– a que resida na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade igual de segura que aquela e que tamén conta cunha rica e diversa vida cultural.
As solicitudes para concorrer ao Intercambio literario en residencia deberán presentarse entre o día 12 e o día 28 de xuño de 2024 ás 22.00 horas. As bases pódense consultar na páxina web de Cultura do Concello. Unha vez seleccionada e anunciada a persoa á que se conceda esta bolsa de intercambio en residencia, gozará da mesma ao longo do mes de agosto de 2024 (coa flexibilidade de que poda escoller 4 semanas entre o 1 de agosto e o 10 de setembro). Nomearase así mesmo unha persoa suplente en caso de cancelación.

Os proxectos presentados serán sometidos a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Área de Cultura do Concello da Coruña e a Residencia Literaria1863, dirixida pola Premio Nacional de Poesía, Yolanda Castaño. Estará composto por especialistas en escrita galega, quen seleccionarán –de xeito debidamente xustificado– as mellores candidaturas a este intercambio en residencia.

A estadía en Graz, ademais da viaxe de ida e volta, inclúe apartamento con espazo de traballo, cociña e cuarto de baño, auga, luz e internet, acceso a zonas comúns, no corazón do casco histórico da moi segura e tranquila capital de Estiria (Austria). A manutención durante o mes de estadía quedará igualmente cuberta a través dun estipendio para gastos básicos.